Acceso á Información Pública
Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno
Obxecto do procedemento
Este procedemento ten por obxecto o exercicio do dereito de acceso á información pública do Centro Asociado da UNED en Pontevedra.
Enténdese por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que estean en poder do Centro Asociado e que fosen elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións.
Non se debería solicitar aquela información que xa se atope publicada na páxina web do Centro e no seu portal de transparencia.
As solicitudes de información sobre a actividade académica (estudos, exames, validacións, etc.) dirixiranse ao enderezo electrónico secretaria@pontevedra.uned.es.
Destinatarios
Poderán exercer o seu dereito de acceso á información todas as persoas, nos termos previstos no artigo 105.b da Constitución española.
Órgano encargado da tramitación
Secretaría do Centro Asociado da UNED en Pontevedra.
Órgano competente para resolver
Dirección do Centro Asociado.
Normativa aplicable
- Artigo 105 da Constitución Española.
- Ley 19/2013, de 9 de diciembre, de transparencia, acceso a la información pública y buen gobierno.
- Ley 39/2015, de 1 de octubre, del Procedimiento Administrativo Común de las Administraciones Públicas.
- Ley 16/1985, de 25 de junio, del Patrimonio Histórico Español.
Medios de presentación
Por correo electrónico mediante unha solicitude asinada con certificado dixital.
Presencialmente, cubrindo o formulario dispoñible no portal de transparencia do Centro Asociado da UNED en Pontevedra e presentándoo en calquera dos lugares establecidos no artigo 16.4 da Ley 39/2015, de 1 de octubre, del Procedimiento Administrativo Común de las Administraciones Públicas.
Prazo de presentación
En calquera momento.
Documentación esixida
O formulario de solicitude debidamente cuberto e asinado.
Consentimento expreso e por escrito da persoa afectada cando a solicitude de acceso á información pública conteña datos persoais de terceiros, salvo que unha lei autorice o acceso.
Motivación
En principio, non existe obriga de motivar a solicitude de acceso á información pública. Non obstante, a persoa interesada poderá expoñer os motivos polos que solicita a información, que poderán ser tidos en conta no momento de ditar a resolución.
Deberán motivarse as peticións cando, no exercicio dun dereito ou por razóns de investigación, se solicite o acceso a datos persoais non especialmente protexidos.
Prazo máximo de resolución
Un mes desde a recepción da solicitude no rexistro do Centro, podendo ampliarse por outro mes cando o volume ou a complexidade da información solicitada así o fagan necesario.
Formalización do acceso
O acceso á información realizarase preferentemente por vía electrónica, salvo que non sexa posible.
Cando non se poida facilitar o acceso no momento da notificación da resolución, este concederase nun prazo non superior a dez días.
Se existise oposición dun terceiro, o acceso só terá lugar cando, unha vez concedido, transcorrese o prazo para interpoñer recurso contencioso-administrativo sen que este se formalizase, ou cando fose resolto confirmando o dereito a recibir a información.
Efecto do silencio administrativo
Desestimatorio.
Recursos
Contra toda resolución expresa ou presunta en materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante o Consejo de Transparencia y Buen Gobierno, con carácter potestativo e previo á súa impugnación pola vía contencioso-administrativa.
A reclamación interporase no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación do acto impugnado ou desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo.
As resolucións ditadas en materia de acceso á información pública son directamente recorribles ante a Xurisdición Contencioso-Administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación. En ausencia de notificación, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.
Protección de datos de carácter persoal
De conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2016/679 Xeral de Protección de Datos e na lexislación vixente, informámoslle de que os datos facilitados neste documento serán tratados polo Centro Asociado da UNED en Pontevedra, en calidade de responsable do tratamento.
A finalidade do tratamento dos datos é a xestión deste procedemento.
A base xurídica para o tratamento dos seus datos é o cumprimento das funcións recollidas na normativa anteriormente citada e, de ser o caso, o consentimento. Así mesmo, os datos poderán utilizarse para enviar información, por calquera medio, relacionada coas finalidades anteriormente descritas.
Os seus datos non serán cedidos nin comunicados a terceiros, salvo nos supostos necesarios para a correcta atención, desenvolvemento, control e cumprimento das finalidades indicadas, así como nos casos previstos pola lei.
Poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación do tratamento, portabilidade dos datos ou oposición ao tratamento ante a UNED de Pontevedra, Rúa de Portugal 1, 36162 Pontevedra, enviando un correo electrónico a lopd@pontevedra.uned.es
Máis información na Agencia Española de Protección de Datos:
https://www.agpd.es/portalwebAGPD/index-ides-idphp.php
INICIAR O PROCESO AQUÍ: FORMULARIO DE ACCESO Á INFORMACIÓN PÚBLICA