mostrar noticia
Mañá mércores terá lugar a segunda sesión de LUGOPOÉTICA 2026, coa participación de Alicia Fernández e Elena Pérez
Mañá mércores, 18 de marzo, ás 18:30 horas, terá lugar na sede da UNED en Lugo a segunda das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da UNED Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa terceira edición. Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, lerán e comentarán os seus poemas as creadoras Alicia Fernández Díaz e Elena Pérez López.
Alicia Fernández Díaz (Lugo, 1988): Avogada e funcionaria, a poesía leva presente na súa vida dende os seis anos cando comezou a participar en diversos certames poéticos e narrativos acadando o longo de todos estes anos numerosos premios a nivel estatal, principalmente no xénero lírico. Namorada da natureza e do medio ambiente, e cunha profunda conexión co espiritual, a súa obra atópase marcada de metáforas literarias, achegando á realidade natural unha visión mística sobre os sentimentos, a vida e o transcorrer dos anos. Asidua de eventos de micro aberto e recitais de poesía, non imaxina a sua vida sen tinta e papel.
Elena Pérez López (Sarria): Naceu na primavera, nun mes de maio atipicamente frío. Foi unha nena loura de pelo sempre despeiteado, que ambientaba o seu medrar entre Sarria e Barbadelo. Estudou nesta mesma vila ata que decidiu marchar a Lugo e formarse para ser mestra. A vida é máis luminosa dende que comparte escolas e aulas coas crianzas. Considérase moi afortunada de poder dedicarse á profesión máis fermosa que existe. E entre lección e lección, cóanse algúns versos que lle gusta ir coleccionando. Sen pretensións, intenta admirar o extraordinario do cotiá, espremer as cousas máis sinxelas e sintetizar esencias en palabras. Unha mestra, que, coma todas, é un pouco de todo.
O encontro poético entre as dúas creadoras, dunha hora e media de duración, permitirá coñecer anacos importantes da súa obra, mutuos comentarios sobre o seu labor poético, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos das próximas sesións- dunha publicación que recolla esta terceira experiencia de expresión poética interxeneracional.
Máis información: https://lugopoetica.gal/gl
