mostrar noticia
A UNED de Lugo e AUGC asinan un convenio de colaboración para impulsar actividades conxuntas de extensión universitaria
A UNED de Lugo e a Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de desenvolver conxuntamente iniciativas de extensión universitaria que beneficien á entidade e á sociedade en xeral.
O convenio foi asinado pola directora da UNED de Lugo e, por parte de AUGC, por D. Juan Antonio Fernández Hernández, secretario xeral da Asociación Unificada de Gardas Civís a nivel nacional.
Este acordo permitirá promover accións formativas e divulgativas en ámbitos de interese social, reforzando a cooperación entre ambas institucións e favorecendo o intercambio de coñecemento e experiencias profesionais.
A primeira actividade froito desta colaboración celebrarase o 21 de maio de 2026 na Aula Universitaria de Foz, baixo o título “Comunicación de malas noticias na intervención das Forzas e Corpos de Seguridade e Emerxencias”.
Esta actividade foi programada nun encontro de traballo entre a directora da UNED de Lugo e Óscar Fustes, secretario xeral da Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) en Lugo.
A proposta formativa nace da necesidade de dotar aos e ás profesionais de criterios psicolóxicos claros, pautas comunicativas eficaces e estratexias de regulación emocional para afrontar este tipo de situacións con maior seguridade profesional, rigor institucional e sensibilidade humana.
A actividade, de carácter gratuíto, desenvolverase en horario de 17:00 a 20:00 horas e poderá seguirse de forma presencial ou online, en directo ou en diferido.
Con esta iniciativa, a UNED de Lugo reforza o seu compromiso coa extensión universitaria e co apoio á formación de profesionais que desempeñan unha función esencial ao servizo da cidadanía.
