mostrar noticia
A UNED de Lugo impulsa a alfabetización climática entre 450 escolares de Lugo
Desde a Oficina Verde da UNED, en colaboración co equipo de Lugo Naturalmente, desenvolveuse unha acción de divulgación no marco da alfabetización ambiental dirixida ao alumnado de Educación Primaria na provincia de Lugo, chegando a preto de 450 nenos e nenas.
En primeiro lugar, impartíronse sesións coa totalidade do alumnado de Educación Primaria do CEIP Illa Verde, alcanzando os 300 alumnos e alumnas do centro, abordando de maneira integral contidos relacionados coa sostibilidade, o coidado da contorna e a biodiversidade. Ademais, desenvolvéronse sesións específicas co alumnado dos primeiros cursos de Primaria noutros centros educativos da cidade. No colexio Maristas, traballouse con preto de 100 nenos e nenas, mentres que no CEIP A Ponte chegouse a 50 alumnos e alumnas destas mesmas etapas educativas.
A través de metodoloxías activas, dinámicas e adaptadas aos grupos (deseñadas por membros especialistas do equipo da Oficina Verde), abordáronse cuestións clave como a redución de residuos, o consumo responsable e a protección do medio natural dun xeito moi interactivo. Estas sesións non só permitiron transmitir coñecementos, senón tamén fomentar actitudes e valores orientados ao respecto e coidado da contorna.
Mediante esta iniciativa, desde a Oficina Verde da UNED reforzamos o noso compromiso coa educación ambiental e poñemos de manifesto a importancia de achegar estes contidos ás aulas desde idades temperás.
