mostrar noticia
A UNED de Lugo recibe a visita institucional da subdelegada do Goberno tras obter o selo “Calculo + Reduzo” pola redución da súa pegada de carbono
A UNED de Lugo recibiu hoxe a visita institucional da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, nun encontro no que foi recibida pola directora do Centro Asociado, Ana Traseira, e no que se abordaron os principais avances da institución en materia de sustentabilidade, acción climática, innovación ambiental e impacto social.
A visita produciuse tras a recente obtención, por parte da UNED de Lugo, do selo “Calculo + Reduzo” correspondente ao ano 2024, concedido pola Oficina Española de Cambio Climático, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Este distintivo recoñece o compromiso da institución co cálculo, rexistro e redución da súa pegada de carbono, así como coa implantación de medidas orientadas a avanzar cara a unha xestión universitaria máis sostible e eficiente.
Durante o encontro, a subdelegada do Goberno felicitou á comunidade universitaria da UNED de Lugo, a través da súa directora, pola consecución deste recoñecemento estatal. Olimpia López destacou que o traballo desenvolvido polo centro “exemplifica o compromiso das institucións públicas coa transición ecolóxica e coa necesidade de incorporar criterios de sustentabilidade na súa actividade diaria”.
A directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, agradeceu a visita institucional da subdelegada e puxo en valor que este recoñecemento é froito dun traballo sostido no tempo, vinculado á mellora continua, á responsabilidade ambiental e á vontade de situar a universidade pública como axente activo fronte á crise climática.
Segundo os datos achegados polo centro, a UNED de Lugo conseguiu reducir nun 16,84 % a intensidade das súas emisións no trienio 2022-2024 respecto ao trienio 2021-2023, para os alcances 1+2. Este resultado permitiu ao centro acceder ao selo “Calculo + Reduzo” e reforza a súa posición como referente dentro da rede estatal da UNED no desenvolvemento de políticas de sustentabilidade.
Durante a visita tamén se destacou o papel da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, con sede en Lugo, unha estrutura especializada que presta apoio técnico ao conxunto da rede de centros asociados en materia de sustentabilidade, cálculo da pegada de carbono e impulso de medidas de mellora ambiental.
Neste sentido, a UNED de Lugo trasladou á subdelegada o alcance dos proxectos desenvolvidos no marco de #LugoNaturalMente, unha liña estratéxica que integra educación ambiental, divulgación científica, acción climática, posta en valor do patrimonio natural e compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A subdelegada do Goberno puxo en valor o papel da universidade como espazo de coñecemento, sensibilización e transformación social, e subliñou que a loita contra o cambio climático require a implicación das administracións públicas, das institucións educativas e da sociedade no seu conxunto.
Récord histórico de matrícula
No transcurso do encontro, Ana Traseira informou á subdelegada de que a UNED de Lugo acadou no curso 2025-2026 un récord histórico de matrícula, con 1.245 estudantes, o que supón un incremento do 12,5 % respecto ao curso anterior.
A directora destacou que estes datos confirman a consolidación do modelo educativo da UNED na provincia de Lugo, baseado na flexibilidade, na igualdade de oportunidades, na proximidade territorial e na capacidade de achegar a educación superior a persoas de diferentes idades, perfís e circunstancias.
Formación, innovación e impacto social
Durante a visita tamén se abordaron algunhas das principais liñas de traballo actuais do centro, entre elas a incorporación do novo Grao en Intelixencia Artificial, o desenvolvemento da UNED Sénior, os programas STEMBach, os proxectos de Aprendizaxe-Servizo e as iniciativas vinculadas á sustentabilidade e á innovación social.
A UNED de Lugo tamén puxo en valor o impacto social da súa actividade universitaria na provincia, cun retorno estimado de 13,25 euros por cada euro investido, un dato que evidencia a capacidade do centro para xerar valor educativo, social, cultural, económico e territorial.
Ana Traseira sinalou que a visita da subdelegada “reforza o apoio institucional a un centro universitario que segue medrando, innovando e asumindo un papel activo na construción dun territorio máis sostible, máis formado e máis conectado co coñecemento”.
A visita institucional concluíu cun percorrido polas instalacións do Centro Asociado e cunha posta en común dos principais proxectos estratéxicos da UNED de Lugo, que consolida así a súa posición como referente en sustentabilidade, innovación ambiental, formación universitaria e compromiso coa provincia.

