mostrar noticia
A UNED de Lugo organiza o curso “Demencias. Como coidar e como coidarse” dentro da súa programación de Extensión Universitaria
O Centro Asociado da UNED en Lugo celebrará do 2 ao 5 de marzo de 2026 o curso “Demencias. Como coidar e como coidarse”, unha proposta formativa en modalidade online dirixida a familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sociosanitario.
A actividade, que concede 1 crédito ECTS e conta con 20 horas lectivas, poderá seguirse en directo ou en diferido, facilitando a conciliación e o acceso desde calquera lugar.
As demencias constitúen un dos grandes retos sociosanitarios actuais. As persoas afectadas presentan dificultades progresivas para realizar actividades básicas da vida diaria e para comunicarse. O curso abordará a importancia de manter a súa autonomía o maior tempo posible, establecer unha comunicación adecuada e evitar o illamento social que con frecuencia acompaña á enfermidade.
Así mesmo, poñerase o foco no benestar das persoas coidadoras. O coidado prolongado pode xerar sobrecarga física, emocional e social, polo que se traballarán estratexias específicas de autocuidado.
A docencia estará a cargo de M. Carmen Rivas Fernández, titulada universitaria e experta en Transformación Social e Atención Sociosanitaria, cunha ampla traxectoria como directora e docente de accións formativas na Administración pública e vinculada a programas de saúde e sustentabilidade da Xunta de Galicia.
O programa estrutúrase en seis bloques temáticos:
- Memoria e tipos de demencias.
- Necesidades básicas e coidados (hixiene, alimentación, mobilizacións).
- Modelos e estilos de comunicación.
- Estratexias para comunicarse con persoas con demencia.
- O coidado integral da persoa coidadora.
As sesións desenvolveranse de 16:00 a 21:00 horas en modalidade online.
Con esta iniciativa, a UNED de Lugo reforza o seu compromiso coa formación ao longo da vida e coa atención a problemáticas sociais de especial impacto, contribuíndo á mellora da calidade de vida das persoas e das súas contornas familiares.
