mostrar noticia
A Fundación Breogán e a UNED de Lugo poñen en marcha “Miño Vivo”, unha iniciativa de educación ambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño
A Fundación Breogán e a UNED de Lugo poñen en marcha o proxecto “Miño Vivo”, unha iniciativa de educación ambiental destinada a promover o coñecemento, a participación social e a conexión coa natureza na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
As actividades estarán deseñadas e impartidas integramente por persoal da UNED de Lugo, no marco do proxecto #LugoNaturalMente, unha liña de traballo consolidada do centro orientada á educación ambiental, á posta en valor do patrimonio natural da provincia e á sensibilización arredor da sustentabilidade.
“Miño Vivo” nace coa vontade de traballar xunto a asociacións, colectivos sociais e entidades de Lugo a través de experiencias vivenciais no exterior, combinando aprendizaxe, sensibilización ambiental, participación activa e creación colectiva.
As sesións desenvolveranse na contorna do río Miño mediante dinámicas participativas centradas na observación da biodiversidade, a identificación da flora autóctona, a escoita activa da natureza e a elaboración dun mural colaborativo con elementos naturais recollidos durante a actividade.
A primeira sesión terá lugar o 12 de xuño, coa participación de Raiolas, dando inicio a un calendario de actividades que continuará ao longo do mes de xuño con diferentes asociacións e entidades sociais de Lugo.
O programa continuará o 16 de xuño con Dano Cerebral Lugo; o 17 de xuño co H.U.L.A.; o 18 de xuño con ASPNAIS; o 19 de xuño con San Vicente de Paul; os días 23 e 26 de xuño con COGAMI; o 26 de xuño con Grazas Avós; e o 30 de xuño con Down Lugo.
A iniciativa aposta por unha educación ambiental inclusiva, activa e conectada co territorio, favorecendo que persoas de diferentes colectivos poidan achegarse ao patrimonio natural de Lugo desde unha perspectiva participativa, sensorial e comunitaria.
Desde a UNED de Lugo sublíñase que este proxecto se integra plenamente no espírito de #LugoNaturalMente, unha iniciativa que procura unir coñecemento académico, participación cidadá e compromiso ambiental para contribuír á protección e divulgación da riqueza natural da provincia.
Pola súa banda, a Fundación Breogán reforza con esta colaboración o seu compromiso co territorio, coa inclusión social e co impulso de iniciativas que favorezan a participación cidadá e a posta en valor do patrimonio natural de Lugo.

