mostrar noticia
Alumnado da UNED de Lugo visita o Centro Penitenciario de Bonxe no marco da Semana da Administración Aberta
Alumnado da UNED de Lugo visitou o Centro Penitenciario de Bonxe no marco das actividades da Semana da Administración Aberta, nunha xornada orientada a achegar o funcionamento das institucións públicas á cidadanía e, neste caso, ao estudantado universitario.
As persoas participantes foron recibidas pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; polo director do Centro Penitenciario de Bonxe, José Manuel Pernas; e por Camilo Afonso, subdirector de Réxime e Seguridade.
O alumnado, pertencente ás titulacións de Psicoloxía, Educación, Traballo Social, Dereito e Criminoloxía, acudiu acompañado pola directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, e pola coordinadora académica do centro, Trini Veiga.
A visita supuxo unha oportunidade para coñecer desde dentro a realidade dun centro penitenciario, acompañados polas mellores guías posibles: a dirección e o equipo responsable do propio centro.
Desde a UNED de Lugo destacouse o valor formativo desta experiencia, que permite ao alumnado achegarse a unha realidade normalmente pouco accesible, comprender mellor o funcionamento da Administración penitenciaria e descubrir posibles vocacións profesionais ou novas oportunidades laborais vinculadas aos seus ámbitos de estudo.
